Monday 13 de May de 2024

San Sadurniño homenaxea a Rosalía con música e unha lectura colectiva dos seus poemas


Arredor de medio cento de persoas reuníronse este mediodía no patio interior do Concello de San Sadurniño para renderlle tributo a Rosalía Castro no seu 185 aniversario. Unha data que se celebrou convidando a veciñanza a ler e cantar os versos que nos leigou, cargados de sentimento e tamén de ideas que só agora, 137 anos despois do seu pasamento, empezamos a recoñecerlle como avanzadas ao seu tempo. Aí está a Rosalía que plasmou unha visión de país máis aló do folclorismo romántico, a Rosalía que se puxo de parte das persoas máis desfavorecidas, a Rosalía que soubo ver as desigualdades ou a Rosalía que se enfrontou ao patriarcado -familiar e social- escribindo, facéndoo en galego e en clave abertamente feminista en boa parte da súa obra.

Todas esas Rosalías que son en verdade unha mesma e única escoitáronse no patio do consistorio repasando os seus poemas máis coñecidos e tamén outros que non se oen tanto, pero que igualmente son cargas de profundidade remexedoras de conciencias.

A quenda abriuna o alcalde, Secundino García, pedindo escusas anticipadas por “non ser precisamente un bo recitador”. Elixiu un fragmento do Castellanos de Castilla “nestes días que está tan revolto o aire por aló”, no que a autora se laia do maltrato recibido polos galegos que ían á seitura como rosas e regresaban dela “como negros”.

Tralo alcalde tocoulle a vez ás nenas e nenos da EIM A Rolada. Criaturiñas que aínda non saben ler, pero que contestaban en grupo e sen dubidar á pregunta de quen estaba hoxe de aniversario: “Rosaliaaaaa!”. Foi Lucía Formoso, a directora da escola, quen representou o centro lendo un anaco de Negra Sombra.

A partir dese momento foron pasando por diante do micrófono outras 28 persoas máis -veciñas e veciños, persoal municipal, representantes de colectivos, etc.- para declamaren cadanseu fragmento da obra rosaliana, compoñendo así un mosaico da súa poesía e das varias capas semánticas que se superpoñen nela.

O grupo máis numeroso foi o do alumnado de 2º da ESO do CPI de San Sadurniño quen, ademais de recitar, tamén se sumou ao coro de Cantos de Taberna para interpretar a versión de Uxía Senlle de aquela “No bico un cantar” á que lle puxo música Luis Emilio Batallán.

A peza soou tres veces en distintos momentos dunha homenaxe a Rosalía que clausurou Amparo Calvo, Concelleira de Cultura, xusto cando o reloxo da igrexa parroquial daba a unha da tarde. Fíxoo agradecendo a participación no acto e lendo o seguinte poema de Follas novas:

Cada cousa no seu tempo

Do alegre maio unha alborada fresca
foite a sorrir no outono malencónico,
e por nadal os membros ateridos
quentache ben contente a un sol de agosto;
despóis tembraches espantado, e fuches
buscando a sombra inquieto e pesaroso;
mais a mamoria preguizosa, tarde
trouxera ó teu recordo
que aqueses cambios bruscos,
raros e intempestuosos,
de loitos e pesares nesta vida
sinal segura eternamente fonon.
E tras daquel calor que che emprestara
no inverno un sol de agosto,
só sentiche da frebe o mortal frío
que helóu hastra os teus osos.

As cousas no seu tempo
i as feras no seu tobo.

O tributo a Rosalía Castro -poñémolo sen o “de” porque era así como ela asinaba- continuará ata o remate deste mes de febreiro cunha pequena exposición sobre a escritora que pode visitarse na galería do primeiro andar do Concello nos horarios de apertura das oficinas municipais.